fondo web
logotipo concello de Santiago
Qué?
Cando?
Onde?
Criterios seleccionados
Suprimir todo
Música | Clásica | Xoves 12 xullo
A Real Filharmonía de Galicia clausura o Via Stellae con "O soño dunha noite de verán"

O Via Stellae chega ao seu fin e para clausuralo, a Real Filharmonía de Galicia ofrece un concerto baixo o nome ‘O soño dunha noite de verán’ dirixidos por Maximino Zumalave. Será mañá, venres 13, ás 20.00h no Auditorio de Galicia. Na xornada de mañá tamén poderemos gozar do segundo dos concertos do Jazz no mercado. Nesta ocasión será co Xacobe Martínez Antelo Quinteto que presenta ‘Isto é jazz’ ás 22.30h na Praza de Abastos. As entradas para a Filharmonía, a 8€, poden mercarse en Novagaliciabanco ou na billeteira do Principal, ademais de na billeteira do Auditorio o mesmo día do concerto a partir das 18h. As entradas para o jazz, a 4 euros, poderán adquirirse na billeteira do Principal que lembramos abrirá todos os días desde as 16.30h.

‘O soño dunha noite de verán’ coa Real Filharmonía de Galicia

A literatura de Shakespeare tivo grande influencia entre artistas e intelectuais do século XIX como Felix Mendelssohn, quen tiña dezasete anos cando compuxo unha obertura orquestral para a comedia Soño dunha noite de verán, orixinalmente escrita para dous pianos antes de decidir instrumentala, e dirixiuna na cidade polaca de Stetin. Varios anos despois, en 1843, o rei Federico Guillermo de Prusia pediulle que escribira unha música incidental para esta comedia de Shakespeare e Mendelssohn agregou á obertura trece números, tanto vocais como instrumentais. A habilidade artística, a orixinalidade e a madurez que o compositor exhibe nesta peza temperá son sorprendentes; en certos sentidos, xamais sobrepasou o acadado na súa adolescencia. As súas últimas obras son ás veces máis cultas pero, non obstante, a súa capacidade artística estaba xa completamente desenvolvida a esa idade, incluso resulta asombroso que a música capte perfectamente o espírito inglés da comedia de Shakespeare.

A Sinfonía italiana, composta entre 1831 e 1833, cronoloxicamente a segunda sinfonía do compositor, reflicte as vivencias musicais durante a estancia de Mendelssohn nese país. Non ten programa fixo, nin trata de retratar paisaxes ou lugares concretos, pero, sen dúbida, a súa luz e a súa atmosfera resultan claramente meridionais. Unha vez rematada e estreada en Londres, escribiu alternativas para o segundo, terceiro e cuarto movementos, completando pouco antes da súa morte unha versión definitiva de considerable sutileza e orixinalidade. A súa brillante orquestración, fermosas harmonías e atraentes melodías convértena nunha das xoias sinfónicas do século XIX. Dous movementos son claramente italianos: o primeiro, de carácter alegre e extravertido (Mendelssohn escribe a un amigo “Estame saíndo a obra máis alegre que escribín ata agora”) e o último, que incorpora fantasías de danza con toques de saltarello romano e unha tarantella napolitana. Porén, os movementos intermedios carecen de calquera característica na que se recoñeza a esencia italiana; o segundo é máis apracible e sereno, mostrando unha maior sinxeleza o terceiro, un minueto que adquire un aire pastoral.

Real Filharmonía de Galicia

Iniciou a súa actividade en 1996 no Auditorio de Galicia, con Helmuth Rilling como director titular ata o ano 2000. Antoni Ros Marbà ocupa ese posto na actualidade. A RFG foi dirixida por Frans Brüggen, Juanjo Mena e Hansjörg Schellenberger entre outros, e traballou con intérpretes como Frank Peter Zimmermann, Daniel Hope, Vadim Repin, Natalia Gutman, Lluís Claret, Enrico Dindo, Joaquín Achúcarro, Rudolf Buchbinder, Eldar Nebolsin, Teresa Berganza, Thomas Quatshoff, Matthias Goerne. Realizou xiras por Austria, Alemaña, Francia, Brasil, Arxentina, Cuba e Portugal. Organiza un ciclo de cámara en colaboración coa Universidade de Santiago, e participa no ciclo de concertos didácticos do Auditorio. Ten realizadas gravacións con música de Schubert, Falla e Mompou.

Maximino Zumalave director 

Foi discípulo de Ángel Brage, Rosa Sabater, Guillermo González, John Elliot Gardiner e Helmuth Rilling. Fundador e director do Coro Universitario de Santiago e do Collegium Compostellanum. É director asociado da Real Filharmonía de Galicia e da Escola de Altos Estudos Musicais de Galicia. Dirixiu a Orquestra de Cámara de Stuttgart, The English Chamber Orchestra, Sinfónica de Odense, Sinfónica de Porto, English Baroque Soloist, Bach Collegium, a Nacional de España, Sinfónica de Madrid, Ciudad de Barcelona, Sinfónica de Tenerife ou a Orquesta Ciudad de Granada, entre outras. Dirixiu estreas absolutas de obras de Bernaola, Castillo, García Abril, Groba, Marco, Mestres Quadreny, Villa Rojo, e de novos compositores galegos como Alonso, Balboa, Buíde, Durán, Macías, de Paz, Pereiro, Vázquez ou Viaño.


 PROGRAMA

I

Felix Mendelssohn (1809-1847)

Soño dunha noite de verán, op. 61

Obertura

Intermezzo

Nocturno

Scherzo

 

Samuel Barber (1910-1981)

Adagio para cordas

 

II

Felix Mendelssohn (1809-1847)

Sinfonía núm. 4 en La maior, op. 90  “Italiana”

Allegro vivace

Andante con moto

Con moto moderato

Saltarello: presto

                                                                                                              

 

Isto é Jazz!! co Xacobe Martínez Antelo Quinteto

Isto é jazz!! foi o primeiro disco como líder de Xacobe Martínez Antelo. Un traballo para o que contou con catro músicos de referencia no jazz galego actual, e imprescindibles para entender o propio desenvolvemento deste contrabaixista como músico. Neste repertorio, integrado por nove composicións orixinais de Xacobe Martínez Antelo, abórdase a visión máis persoal e íntima dun músico autodidacto, curtido en mil batallas musicais, é neste proxecto onde declara a súa paixón polo jazz, o jazz dos anos 50 e 60, o jazz de Coltrane, de Mingus, de Monk… A acollida da crítica e público foi sorprendente, e consituiu o punto de partida dunha carreira en solitario centrada no jazz que ata o de agora xa dou como froito outros dous discos máis como líder, á fronte do seu trío (Xacobe Martínez Antelo Trío, 2009) e do seu cuarteto (Jazz From Galiza!!, 2011)

 Xacobe Martínez Antelo contrabaixo

Leva máis de vinte anos subido aos escenarios. Este inquedo contrabaixista compostelán non tivo moitas ocasións de aburrirse debido á súa constante actividade en numerosas frontes musicais. Os seus proxectos falan por si sós: Clan Moriarty, 3pés, Sumrrá, A Tirana, Cool Hamster, Banda Baliza, Bi, Midnight Cool, Monkillos, A Tribo, Martelo,  así como as súas colaboracións: Narf, Mercedes Peón, Ultranoites da Nasa, Marful, Chévere, Carlos Blanco, Terela Gradín, Marcelino Galán, S.E.M. Big Band, Imaxina Jazz Orquestra, Uxía Senlle, Leilía etc. Co seu quinteto pretende dar saída ao seu jazz.

 Pablo Castaño saxofón

Iníciase no mundo da música a través  das bandas de música populares galegas. Obten o titulo superior de saxofón no Consevatorio da Real Sociedade Amigos do País. Na actualidade estuda na New School University. Entre os seus mestres máis destacados figuran Antonio Hart, Dick Oatts, Vincent Herring, Reggie Workman, Buster Williams, Andres Gomis, Abe Rábade, Paco Charlín, Perico Sambeat, Bob Sands, Seamus Blake, Cennet Johnson, Suso Atanes, Bobby Sanabria. É membro da Afro Cuban Jazz Orchestra coa que actúa non Jazz Lincoln Center.

Toño Otero saxofón

Saxofonista tenor e barítono, compaxina a Banda Municipal de Lugo co grupo de Acid Jazz, The Groove Fathers, coa súa formación nos Seminarios Permanentes de Jazz e unha cantidade inxente de colaboracións con bandas deste xénero. Recibe clases de Jonathan Kreisberg, Jaleel Shaw, Miguel Zenón, Bob Sands, John O’Gallagher, Tony Moreno, Paco Charlín, Abe Rábade, Dave Phillips, Alan Ferver, Rez Abbasi, Russ Johnson, Francisco Blanco “Latino” ou Donald Edwards.

 Marcelino Galán guitarra

Estuda en Barcelona e no Berklee College of Music (Boston). Recibe clases de Andy Rossetti, Sexan Levitt, Kurt Rosenwinkel, Michael L. Goodrick, Jon Damian, Jack Pezzanelli. Actuou na Mostra de Jazz per Joves de Catalunya, Cicle de Interprets Solistes de Barcelona, Mercat de Música Viva de Vic, Festival de Montpellier (RAI), Festival de Jazz de Tarrasa, Festival de Música de Prive (Lyon), Festival de Jazz da Ribeira, Festival de Jazz de Girona, Festimad 2001, Filloa off Festival... Compartiu escenario con Bill McHenry, Chriss Higgins, David Mengual, Raynald Colom, Albert Sanz, Jose Reinoso e ten realizado diversas gravacións.

Max Gómez batería

Estudou con Paco Charlín, Bruno Pedroso, Ramón Ángel Rei, Abe Rábade ou Luís Alberto Rodríguez. Dentro do SPJ, acompaña a Perico Sambeat, Víctor de Diego, Zé Eduardo, Joao Moreira, Carlos Barretto ou Albert Bover. Recibiu clases maxistrais de José Luis Gámez, Mikel Andueza, Chris Kase, Jo Krause, Lluis Vidal, Mulgrew Miller, Greg Bisonet, etc.

 

http://www.compostelacapitalcultural.com/adjuntos/1464776959.pdf
http://www.compostelacapitalcultural.com/adjuntos/1464776959.pdf http://www.compostecapitalcultural.org
http://www.auditoriodegalicia.org/ www.compostelacapitalcultural.org http://ofv.auditoriodegalicia.org
RSS galego RSS Eventos

http://www.compostelacapitalcultural.org/adjuntos/1372404450.pdf www.compostelacapitalcultural.org www.compostelacapitalcultural.org/index.html www.compostelacapitalcultural.org www.compostelacapitalcultural.org
http://www.compostelacapitalcultural.org http://www.compostelacapitalcultural.org www.compostelacapitalcultural.org/index.html www.compostelacapitalcultural.org
Aviso Legal