fondo web
GAL | ES
logotipo concello de Santiago
Qué?
Cando?
Onde?
Criterios seleccionados
Suprimir todo
Concerto de apertura de Conecta Fiction
Música
Concerto de apertura de Conecta Fiction
A RFG con Geoffrey Styles como director
Baixo a batuta do prestixioso director de orquestra Geoffrey Styles, a Real Filharmonía de Galicia interpreta bandas sonoras orixinais de varias series de televisión nacionais e internacionais.
que

Conecta FICTION é o primeiro evento internacional dedicado exclusivamente á coprodución de series de ficción para televisión entre Europa, Latinoamérica e os Estados Unidos de fala hispana. A primeira edición celébrase en Santiago de Compostela entre os días 20 e 23 de xuño. Está organizado pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Xunta de Galicia, ICEX España Exportación e Inversiones, a Fundación SGAE, e producido por Inside Content.


PROGRAMA DO CONCERTO

EL FINAL DEL CAMINO, de Manuel Riveiro

España

TVE, TVG, Voz Audiovisual

Manuel Riveiro leva case 15 anos compondo bandas sonoras de cine e televisión. Neste eido, destaca por Padre Casares e El final del camino. Para a gran pantalla ten participado no exitoso filme de acción galego El desconocido, ou nas películas de terror norteamericanas The Green Inferno e Toc Toc, dirixidas polo mestre do xénero Eli Roth, o bastardo do bate de béisbol no filme de Quentin Tarantino.

 

ISABEL, de Federico Jusid

España

TVE, Diagonal TV

Autor de máis de 40 partituras para longametraxes e 20 para series. Foi o autor da música de El secreto de sus ojos, película arxentina gañadora do Oscar ao mellor filme de fala non inglesa. Un dos seus últimos traballos foi a autoría de varias cancións no biopic de Pablo Larraín sobre o escritor Pablo Neruda, unha das fitas máis populares da cinematografía chilena recente, nomeada nos Globos de Ouro.

 

SEIS HERMANAS, de Sergio Moure

España

TVE, Bambú Producciones

Músico coruñés de longa traxectoria, cunha nómina de máis de 40 composicións. Profesor na ESCAC (Escola Superior de Cine de Cataluña), está moi vencellado no cine á produtora Vaca Films, para a que ten traballado en filmes como Lobos de Arga, Secuestrados ou Extinction, protagonizada por Matthew Fox, estrela da mítica serie Perdidos.

 

EL TIEMPO ENTRE COSTURAS, de César Benito

España

ATRESMEDIA, Boomerang TV

 

ALLÍ ABAJO, de César Benito

España

ATRESMEDIA, Plano a Plano

O compositor marbellí César Benito conta cunha dilatada carreira compondo música para populares series de televisión como Los protegidos ou La chica de ayer. O álbum de El tiempo entre costuras logrou colocarse en iTunes España coma o segundo máis vendido e acadou un Premio Iris da Academia das Ciencias e das Artes de Televisión, sendo ata o momento o seu máis claro éxito.

 

SÉ QUIEN ERES, de Arnau Bataller

España

MEDIASET, Filmax

O valenciano Arnau Bataller é un experimentado compositor que ten colaborado con directores de gran prestixio como Jaume Balagueró, en [REC] 4: Apocalipsis; ou Fernando León de Aranoa, en Un día perfecto. É profesor de composición na Escola de Música Superior de Cataluña (ESMuC).

 

VIDAGO PALACE, de Xavi Font (orquestración: Xavi Font e Marcos Mato)

España (Galicia), Portugal

RTP, TVG, Hop! Filmes, Portocabo

Xavi Font leva dende 2001 compondo bandas sonoras, entre as que destaca a de Agallas, pola que foi nomeado a un Goya, e O Apóstolo, coa que conseguiu un premio Mestre Mateo. Aquí colaborou con Philip Glass, un dos compositores de música minimalista máis importantes do mundo, autor do celebre álbum Glassworks e de ducias de bandas sonoras como as de El show de Truman ou Las horas.

 

ESTOCOLMO, de Dante Saulino e Mariano Saulino (arranxos: Mariano Saulino)

Arxentina

NETFLIX, Kapow, Story Lab

Saulino Music ofrece os seus servizos para bandas sonoras e deseño de son a grandes empresas de televisión. Entre os seus clientes figuran a Fox, a Universal ou Discovery Channel. Agora suman Netflix a esta nómina con Estocolmo, a primeira serie de produción propia coa que o xigante norteamericano desembarcou o ano pasado en Arxentina.

 

JUEGO DE TRONOS, de Ramin Djawadi (orquestración: Stephen Coleman)

EUA

HBO

Ramin Djawadi ten a medio planeta tarareando o tema principal de Juego de tronos, o fenómeno televisivo global do momento. Non contento con iso, a HBO tamén o puxo á fronte da música de Westworld, nova serie de culto dirixida por Jonathan Nolan, autor dos guións xunto ao seu irmán Christopher dos exitosos filmes de Batman, os do Joker de Heath Ledger. 

 

O director

Geoffrey Styles é un experimentado director particularmente no campo da ópera abarcando un repertorio de máis de sesenta óperas que van dende Henry Purcell a Oscar Strasnoy. Na temporada 2015/16 Geoffrey traballou coa Orchestre d’Auvergne, Filarmónicas de Monte Carlo e Estrasburgo, Orchestre National Bordeaux Aquitaine, Orchestre National de France, Orchestre de l'Opéra de Toulon, Royal Danish Orchestra e Aalborg Symphony en programas que van de ballet a cine, pasando por concertos didácticos e sinfónicos, incluíndo un espectacular e orixinal programa de aninovo coa Orquestra Filharmónica de Estrasburgo titulado Best of British: Keep Calm and Carillon!

 

Na temporada 2016/17 Geoffrey continúa a súa relación con estas orquestras e desenvolve novos proxectos como actuacións coa Ópera Francesa e debutando en Bangkok, coa Grand Opera Thailand. Ademais, mantén a súa relación co percusionista e creador de programas educativos Alasdair Malloy para desenvolver o seu compromiso de presentar ao público familiar a música clásica de calidade nun contexto divertido e imaxinativo.

 

Recientemente Geoffrey dirixiu a Orchestre de Chambre de Paris, Orchestra of Opera North, Oxford Philomusica e a prestixiosa Hallé Orchestra no Reino Unido. No foso dirixiu a Orquesta San Carlos en Lisboa (Giselle e Dido e Aeneas) e a Orquesta de La Fenice en Venecia (Coppélia, gravado pola canle de arte Mezzo) así coma un impresionante Elisir d’amore para o Teatro Gayarre en Pamplona e Carmen para o Festival Les Voix du Lyrique en Marsella e Toulon.

 

Geoffrey foi durante anos director asociado da Orchestre National Bordeaux Aquitaine participando en proxectos como The Gold Rush (película e música de Charlie Chaplin), Styx de Kancheli con Yuri Bashmet como solista, Petrushka e The Rite of Spring para os Ballets Rusos, L’Amour Masqué de Messager para a Ópera de Burdeos ou a estrea de Zatoïchi de Christian Lauba e La Voix de la Mémoire, Paroles de Déportés de Daniel Galay.

 

Geoffrey comezou os seus estudos de órgano en Westminster Abbey, que máis tarde continuou na Universidade de Oxford e como organista na Christ Church. Despois de dous anos como repetidor na Ópera Nacional de París, foi convidado por Alain Lombard para formar parte da equipa do Gran Teatro de Burdeos como asistente do mestre de coro, onde permanece ata 2002. En setembro de 2003, convértese en Director Asociado da Ópera de Burdeos, cargo que ocupa ata 2014.

 

REAL FILHARMONÍA DE GALICIA

A Real Filharmonía de Galicia nace da man da Xunta de Galicia en 1996 cunha vocación universal, como a propia cidade onde ten a súa sé, Santiago de Compostela. O Consorcio da cidade de Santiago é o organismo encargado da súa xestión.

 

Esta orquestra sinfónica, que representa en si mesma o concepto de espírito aberto, conciliador e amable que encerra a música, está formada por cincuenta músicos de diferentes nacionalidades que aportaron a súa experiencia, formación, tradición musical, empeño e ilusión. Xunto a eles, mestres como Helmuth Rilling, o primeiro director titular da orquestra que aportou a forza e empuxe necesario para iniciar este proxecto; Antoni Ros Marbà, que consolidou a súa traxectoria durante catorce anos e, agora, Paul Daniel, desde xaneiro 2013, novo director titular, han ter e teñen a responsabilidade de conducir esta formación musical.

 

O seu traballo permitiu que especialistas de recoñecido prestixio acepten colaborar e compartir momentos de gran plenitude musical: Frank Peter Zimmermann, Daniel Hope ou Vadim Repin (violín); Natalia Gutman, Lluís Claret ou Enrico Dindo (violoncello); Joaquín Achúcarro, Rudolf Buchbinder ou Eldar Nebolsin (piano) e cantantes como Teresa Berganza, Thomas Quatshoff ou Matthias Goerne. E, por suposto, importantes directores de renombre, como Frans Brüggen, Juanjo Mena, David Afkham, Hansjörg Schellenberger, Josep Pons, Christop König ou Jonathan Webb, actual director invitado, puxeron a súa batuta á fronte da orquestra.

 

A Real Filharmonía de Galicia mantén unha temporada estable no Auditorio de Galicia de Santiago de Compostela que compatibiliza con viras e concertos nos escenarios de países como Alemania, Austria, Francia, Brasil, Arxentina e, especialmente, Portugal, ademais das principais cidades españolas, onde destaca a súa participación na tempada cultural de Vigo.

 

Co mestre Helmuth Rilling a orquestra gravou as catro primeiras Sinfonías de Schubert, con Ros Marbà un disco dedicado a Joaquín Rodrigo e con Amancio Prada un centrado en compositores galegos. Na discografía da RFG destacan os seus traballos dedicados a Manuel de Falla e Frederic Mompou, publicados en 2009 e a Maurice Ravel, en 2012. En 2013 edita o disco “Variaciones”, no que a orquestra e a soprano María Bayo lle renden homenaxe a Antón García Abril. O seu último CD (2016) recolle tres obras para guitarra ("Concierto de Aranjuez" de Joaquín Rodrigo, "Concierto de Benicássim" de Leo Brouwer e "Guitare" de Frank Martin), baixo a dirección de Óliver Díaz e Miguel Trápaga á guitarra.


cando e onde
Martes 20 xuño 2017
20:00  Auditorio de GaliciaAvda. do Burgo das Nacións 981 574 152/ 981 552 290

prezo das entradas
Entrada gratuíta previa retirada de invitación
puntos de venda
Despacho de billetes do Teatro Principal. Aberto de martes a sábado (+ días de evento) de 18.00 a 21.00h.

Os días que hai evento no Teatro, a venta anticipada remata ás 20.00h e só se venden entradas para o espectáculo dese día.

Teléfono: 981 542 349

Despacho de billetes do Auditorio de Galicia. Aberto só os días de espectáculo a partir das 18.00h.

Teléfono: 981 571 026

de interese
http://www.compostelacapitalcultural.com/adjuntos/1506852530.pdf
http://www.compostelacapitalcultural.com/adjuntos/1506852530.pdf http://www.compostecapitalcultural.org
http://www.auditoriodegalicia.org/ www.compostelacapitalcultural.org http://ofv.auditoriodegalicia.org
www.compostelacapitalcultural.org http://www.compostelacapitalcultural.org www.compostelacapitalcultural.org www.compostelacapitalcultural.org
www.compostelacapitalcultural.org/index.html www.compostelacapitalcultural.org/index.html 	http://www.compostelacapitalcultural.com/adjuntos/1504345520.pdf http://www.compostelacapitalcultural.org www.compostelacapitalcultural.org