Para celebrar este 30 aniversario, Chévere quere facelo agasallando ao público. Por iso vai ofrecer a posibilidade de revivir a experiencia de asistir a 3 obras míticas do repertorio da compañía en 3 espazos distintos da cidade só durante o mes de xullo.
As dúas primeiras obras escollidas caeron polo seu propio peso: é moita a xente que segue falando de cando viu por primeira vez Rio Bravo e para Chévere foi unha escola de vida e oficio, ademais do primeiro gran éxito de público. Annus Horríbilis marcou un punto de madurez e excelencia para todo un grupo de artistas vencellados con Chévere, coa Nasa e con Compostela e permitiu abrir novos camiños profesionais e creativos. A terceira obra escollida é máis recente, a Ultranoite no País dos Ananos, que foi a única obra de Chévere que non se puido ver nesta cidade e serve de homenaxe a ese xénero propio que se inventou nun arrabalde de Compostela e que todo o mundo coñece como Ultranoite.
As tres obras ofrecen unha panorámica musical, gamberra e festiva do que ten sido a traxectoria artística de Chévere nos 80, nos 90 e nos dousmil. As tres ofrecen miradas dispares sobre a Galicia desta época e as tres foron creadas en colectivo e contaron co apoio de milleiros de espectadores e espectadoras. Montar estas tres obras tamén é un agasallo para a cidade de Compostela, fogar e paisaxe emocional ao longo de tantos anos. Quen queira velas de novo, terá que vir á nosa cidade. Non se verán xuntas en ningún outro sitio.
RIO BRAVO
Rio Bravo estreouse en 1990 no Teatro Principal. Foi o cuarto espectáculo de Chévere. Unha condensación magnífica dese espírito rebelde e desa actitude gamberra e irreverente coas que a compañía se presentara en sociedade con pezas como Servizo Discrecional (1987), O Mal Non Acouga (1988) e Salomé (1989). Río Bravo superou todas as expectativas, chegou a públicos de todas as idades, de aldeas, vilas e cidades, de Galicia, do resto da Península e mesmo Brasil. En tres anos acadou as 180 funcións e os 25.000 espectadores. Un fenómeno teatral que se repetiu en 2002, cando se fixo un remake para celebrar o 15 aniversario de Chévere, que foi estreado na Sala Nasa cun equipo renovado.
Río Bravo, un lugar do (nor)Oeste, á saída dalgunha revolta, onde os homes son homes e as mulleres tamén. Un musical trepidante que esgota por fin os estereotipos do western ríndose de todos eles. O lugar onde Chévere se atopou consigo mesmo e iniciou a marcha lenta e implacable cara á busca da súa identidade. Esta é unha revisitación do mito. Río Bravo está no mesmo sitio. Non mudou de ubicación nin de aparencia. Os personaxes, os ambientes, a aventura, en definitiva, segue sendo a mesma. E algúns dos que a fan posible tamén. Un musical en directo. Unha comedia disparatada. Unha festa teatral para goce de todos os públicos. Vintesete anos despois coma se fose hoxe.
En escena: Patricia de Lorenzo, Miguel de Lira, Xron, Manuel Cortés, Marcos Ptt Carballido, Xacobe Martínez Antelo, Max Gómez, Manuel Cebrián. Autor: Chévere. Dirección colectiva. Música: Fran Pérez. Vestiario e escenografía: Carlos Alonso. Confección: Maribel Gómez. Iluminación: Fidel Vázquez. Son: Xurxo Pinheiro. Comunicación: Xana García. Unha produción Chévere co apoio do Concello de Santiago de Compostela. Chévere é compañía residente no concello de Teo.
ENLACE PARA MERCAR ENTRADAS A TRAVÉS DE ABANCA