Unha banda de reputados músicos de Nova Orleáns acompañarana nesta actuación, a través da que o público de Galicia poderá comprobar o porqué dos eloxios que recibe a vocalista, cunha gorxa prodixiosa que lle permite pasar de graves a agudos con incrible facilidade.
Tras máis de 60 anos no mundo da música, no que entrou a través do gospel e da man da súa familia como parte de The Staples Singers, a vocalista de Chicago atópase agora nun dos seus mellores momentos artísticos. En 2009 Jeff Tweedy, líder da banda Wilco, proponlle producir o seu último disco, que é recibido con entusiasmo pola crítica como unha das mellores obras da súa extensa carreira. You Are Not Alone, polo que recibe o prestixioso premio Grammy 2011 ao mellor disco de rock americano, ofrece soul de gran calidade, con pinceladas de gospel e blues, e contén varias composicións do propio Tweedy.
Ademais destes temas, no seu repertorio adoita incluír xoias doutros célebres grupos e artistas cos que ten colaborado, como Buffalo Springfield, The Band, Prince, Ry Cooder, Johnny Cash ou Bob Dylan. Taples traballou así mesmo con Curtis Mayfield, unha das grandes iconas do soul, co que tamén compartiu escenario.