Clausura
O soño dunha noite de verán
REAL FILHARMONÍA DE GALICIA
MAXIMINO ZUMALAVE director
PROGRAMA
I
Felix Mendelssohn (1809-1847)
Soño dunha noite de verán, op. 61
Obertura
Intermezzo
Nocturno
Scherzo
Samuel Barber (1910-1981)
Adagio para cordas
II
Felix Mendelssohn (1809-1847)
Sinfonía núm. 4 La maior, op. 90 “Italiana”
Allegro vivace
Andante con moto
Con moto moderato
Saltarello: presto
A literatura de Shakespeare tivo grande influencia entre artistas e intelectuais do século XIX como Felix Mendelssohn, quen tiña dezasete anos cando compuxo unha obertura orquestral para a comedia Soño dunha noite de verán, orixinalmente escrita para dous pianos antes de decidir instrumentala, e dirixiuna na cidade polaca de Stetin. Varios anos despois, en 1843, o rei Federico Guillermo de Prusia pediulle que escribira unha música incidental para esta comedia de Shakespeare e Mendelssohn agregou á obertura trece números, tanto vocais como instrumentais. A habilidade artística, a orixinalidade e a madurez que o compositor exhibe nesta peza temperá son sorprendentes; en certos sentidos, xamais sobrepasou o acadado na súa adolescencia. As súas últimas obras son ás veces máis cultas pero, non obstante, a súa capacidade artística estaba xa completamente desenvolvida a esa idade, incluso resulta asombroso que a música capte perfectamente o espírito inglés da comedia de Shakespeare.
A Sinfonía italiana, composta entre 1831 e 1833, cronoloxicamente a segunda sinfonía do compositor, reflicte as vivencias musicais durante a estancia de Mendelssohn nese país. Non ten programa fixo, nin trata de retratar paisaxes ou lugares concretos, pero, sen dúbida, a súa luz e a súa atmosfera resultan claramente meridionais. Unha vez rematada e estreada en Londres, escribiu alternativas para o segundo, terceiro e cuarto movementos, completando pouco antes da súa morte unha versión definitiva de considerable sutileza e orixinalidade. A súa brillante orquestración, fermosas harmonías e atraentes melodías convértena nunha das xoias sinfónicas do século XIX. Dous movementos son claramente italianos: o primeiro, de carácter alegre e extravertido (Mendelssohn escribe a un amigo “Estame saíndo a obra máis alegre que escribín ata agora”) e o último, que incorpora fantasías de danza con toques de saltarello romano e unha tarantella napolitana. Porén, os movementos intermedios carecen de calquera característica na que se recoñeza a esencia italiana; o segundo é máis apracible e sereno, mostrando unha maior sinxeleza o terceiro, un minueto que adquire un aire pastoral.
Real Filharmonía de Galicia
Iniciou a súa actividade en 1996 no Auditorio de Galicia, con Helmuth Rilling como director titular e a partir do ano 2000 realiza esa función Antoni Ros Marbà. A RFG foi dirixida por Frans Brüggen, Juanjo Mena e Hansjörg Schellenberger entre outros, e traballou con intérpretes como Frank Peter Zimmermann, Daniel Hope, Vadim Repin, Natalia Gutman, Lluís Claret, Enrico Dindo, Joaquín Achúcarro, Rudolf Buchbinder, Eldar Nebolsin, Teresa Berganza, Thomas Quatshoff, Matthias Goerne. Realizou xiras por Austria, Alemaña, Francia, Brasil, Arxentina, Cuba e Portugal. Organiza un ciclo de cámara en colaboración coa Universidade de Santiago, e participa no ciclo de concertos didácticos do Auditorio. Ten realizadas gravacións con música de Schubert, Falla e Mompou.
Maximino Zumalave director
Foi discípulo de Ángel Brage, Rosa Sabater, Guillermo González, John Elliot Gardiner e Helmuth Rilling. Fundador e director do Coro Universitario de Santiago e do Collegium Compostellanum. É director asociado da Real Filharmonía de Galicia e da Escola de Altos Estudos Musicais de Galicia. Dirixiu a Orquestra de Cámara de Stuttgart, The English Chamber Orchestra, Sinfónica de Odense, Sinfónica de Porto, English Baroque Soloist, Bach Collegium, a Nacional de España, Sinfónica de Madrid, Ciudad de Barcelona, Sinfónica de Tenerife ou a Orquesta Ciudad de Granada, entre outras. Dirixiu estreas absolutas de obras de Bernaola, Castillo, García Abril, Groba, Marco, Mestres Quadreny, Villa Rojo, e de novos compositores galegos como Alonso, Balboa, Buíde, Durán, Macías, de Paz, Pereiro, Vázquez ou Viaño.