Inauguración
La Cetra, Vivaldi e o violín
La Magnifica Comunità
Enrico Casazza director e violín solista
PROGRAMA
Antonio Vivaldi (1678-1741)
Concertos para violín de La Cetra Manuscrita (Viena, 1728) e dous concertos para cordas
Parte I
Concerto para cordas e baixo continuo en sol menor RV 156
Allegro - Adagio - Allegro
Concerto para violín, cordas e baixo continuo en Si bemol maior RV 360 (La Cetra núm. 1) Allegro non molto - Largo - Allegro
Concerto para violín, cordas e baixo continuo en Fa maior "Per la solennità di S. Lorenzo" RV 286 (La Cetra núm. 4)
Longo molto e spiccato - Andante molto - Largo - Allegro non molto
Parte II
Concerto para cordas e baixo continuo en sol menor RV 157
Allegro - Largo - Allegro
Concerto para violín, cordas e baixo continuo en Mi maior "L'Amoroso" RV 271 (La Cetra núm. 10)
Allegro - Cantabile - Allegro
Concerto para violín, cordas e baixo continuo en mi menor “Il Favorito” RV 277 (La Cetra núm. 11)
Allegro - Andante - Allegro
La Magnifica Comunità
Enrico Casazza director e violín solista
Isabella Longo, Gianpiero Zanocco violíns
Elena Confortini viola
Giuseppe Mulè violoncello
Daniele Carnio contrabaixo
Davide Pozzi clave
*Primicia mundial en tempos modernos. Reconstrución da parte do violin solista perdida: Pablo Queipo de Llano
Cetro Vivaldiano
"Dúas coleccións de concertos para violín de Antonio Vivaldi, ambas de 12 concertos cada unha, portan o mesmo título de La Cetra, antigo nome da cítara ou a lira empregado como símbolo mitolóxico dos intrumentos de corda, e aquí certeramente asociado ao concepto de cetro de poder. O feito de que estean datadas en anos consecutivos –o Opus IX, publicado pola imprenta de Le Cène en 1727, e La Cetra manuscrita en 1728–, e que teñan como mesmo dedicatario ao emperador Carlos VI, suscita certos interrogantes acerca do motivo que impulsou a Vivaldi a duplicar no arco dun só ano a súa ofrenda musical ao emperador. O caso é que senllas coleccións homónimas son ben diversas –o que acentúa o seu carácter enigmático– posto que tan só comparten o concerto en si menor RV 391 e o movemento conclusivo dos concertos en do maior RV 181a e RV 183. La Cetra manuscrita, entregada seguramente en man polo compositor ao augusto dedicatario, consérvase, en partes separadas autógrafas, na Bibioteca Nacional de Viena coa lamentable perda da parte do violín solista, razón pola cal coñeceu unha difusión moito menor que a da súa “irmá maior”. Por fortuna, sete dos doce concertos incompletos de Viena consérvanse noutras fontes que permiten a restitución orixinal das obras. En calquera caso ambas coleccións constitúen un soberbio frorilexio da madura arte concertística vivaldiano, que atopa nestes concertos una das súas cimas máis elegantes e refinadas. La Cetra manuscrita, da que hoxe se ofrecen catro concertos, posúe un carácter máis emblemático que o do Opus IX, pois aglutina algúns dos concertos para violín máis soados e significativos saídos da pluma do Prete Rosso, entre eles o magnífico Il favorito RV 277 en mi menor (núm. 11 da colección, publicado en 1729 como Op. XI núm. 2), cuxo distinguido apelativo responde moi probablemente á predilección do emperador. O fastuoso concerto que, non por casualidade, abre a colección, núm. 1 RV 360 en Si bemol maior, ofrécese hoxe en primicia mundial en tempos modernos, coa reconstrución da parte do violín solista perdida a cargo do autor destas liñas." Pablo Queipo de Llano
La Magnifica Comunità
Naceu como complexo instrumental barroco en 1990. Articula a propia actividade en numerosas formacións que van desde o trío ata a orquesta de cámara, colaborando con solistas vocais, conxuntos corais e directores invitados (Reinhard Goebel e Simone Kermes, entre outros). Ofreceu numerosos concertos en prestixiosas salas, tanto en Italia como no resto do mundo recibindo unánimes loubanzas de público e crítica. Co “Choc da Musique” recibido polo cuarto volume dos Quintetos de Boccherini (Brilliant), La Magnifica Comunità revelouse como unha das formacións cameristicas máis recoñecidas no ámbito internacional. Na actualidade están rexistrando a integral dos Quintetti de Boccherini.