PROGRAMA
Fernando Briones, director
André Cebrián, frauta
L. Schifrin
Concerto caribeño para frauta e orquestra
J. Brahms
Sinfonía núm. 4
A Orquestra Gaos nace en abril de 2009 formada por músicos de toda Galicia, na súa maioría estudantes e profesores dos principais conservatorios galegos e a súa presentación tivo lugar o 14 de xullo de 2009 no Teatro Colón-Caixa Galicia da Coruña baixo a dirección Fernando L. Briones, director titular da formación.
En apenas dous anos colaboraron coa orquestra 227 músicos galegos en 19 programas diferentes, a través de 30 concertos nos principais auditorios e salas de concerto de Galicia. Participaron como solistas 11 músicos galegos cunha gran traxectoria artística, algúns dos cales xa posúen unha dilatada carreira como é o caso do barítono Borja Quiza, o clarinetista Antonio Suárez, solista da Gustav Mahler Jugendorchester ou a violista Inés Picado, recentemente nomeada a mellor estudante da Escola Superior de Música Raíña Sofía.
Así mesmo tamén tivo a oportunidade de acompañar aos gañadores do Concurso Internacional de piano ‘Cidade de Ferrol’ Alexander Yakovlev e Daniil Tsvetkov nas súas edicións de 2009 e 2010 respectivamente.
Grazas á participación da orquestra na presentación do Xacobeo 2010 comparte escenario coa soprano chilena Cristina Gallardo-Domâs, coa que realiza a súa primeira gravación discográfica: un cd con 14 temas galegos orquestrados por Juan Durán.
En outubro de 2011 comeza a súa terceira tempada realizando unha xira de concertos polas catedrais de Galicia co concerto de clarinete e a misa de Réquiem en re menor de Mozart obtendo un gran éxito de crítica e público.