fondo web
GAL | ES
logotipo concello de Santiago
Qué?
Cando?
Onde?
Criterios seleccionados
Suprimir todo
Turismo e fotografía. Català-Roca en Galicia 1956-1976
Arte | Fotografía
Turismo e fotografía. Català-Roca en Galicia 1956-1976
Un proxecto ao coidado de Anxo Rabuñal
Esta exposición –coproducida entre o Concello de Santiago de Compostela e o Concello de A Coruña– e que conta coa colaboración de Agar Ledo, recupera a crónica fotgráfica das sete campañas que Francesc Català-Roca realizou en Galicia entre 1956 e 1976, nas que retratou luminosamente e con humor a vida cotiá das persoas, o traballo, a festa, o Ano Santo de 1965, o Burgo das Nacións e a contemporánea irrupción do turismo.
que

Cando se cumpren vinte anos do pasamento de Francesc Català-Roca (Valls, Tarragona,1922 – Barcelona, 1998), o Auditorio de Galicia presenta unha importante escolma da obra de quen foi un dos fotógrafos fundamentais na Historia da fotografía universal. Premio Nacional de Artes Plásticas en 1983, cando por vez primeira se concedía a un fotógrafo, e tamén primeiro fotógrafo con obra incorporada á colección permanente do Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía, Catalá-Roca documentou, durante a segunda metade do século XX, boa parte da xeografía española ao servizo de editoras que publicaban as guías turísticas de recente aparición, un xénero literario en auxe que reflexa a importancia que o turismo ía adquirir na España do desarrollismo. A mostra inclúe unha selección de 116 fotografías tomadas polo autor no transcurso desa serie de viaxes que, dende 1956 e durante 20 anos, o levarían por 28 vilas de todo o país. 

A exposición Turismo e fotografía. Català-Roca en Galicia (1956-1976) é o resultado dunha longa investigación levada a cabo por Anxo Rabuñal no Arxiu Català-Roca, depositado no Col.legi Oficial d'Arquitectes de Catalunya, en Barcelona. Entre as máis de 200.000 imaxes que o fotógrafo rexistrou entre 1948 e 1998, consérvanse unhas 1.300 de Galicia, en grande parte descoñecidas. Esta investigación e exposición recuperan a crónica gráfica daquelas sete campañas que o fotógrafo realizou a Galicia, entre 1956 e 1976, por encargo da Dirección General de Turismo e de varias editoriais barcelonesas. «No tempo da súa primeira viaxe a Galicia Francesc Català-Roca, de 34 anos, xa era un fotógrafo importante, varias veces premiado, artista de galería, con varios estupendos fotolibros editados», comenta o comisario da exposición. «Coa rolleiflex de medio formato e da cabalo dunha vespa chega a Galicia en 1956, e na vespa desprázase polo país itinerando dende Compostela», continúa Rabuñal. Documentou a xeografía galega mostrando a realidade social e o contexto sociopolítico dun réxime que estaba vivindo o desarrollismo anterior á caída da ditadura. Esta exposición achéganos a un autor que retrata a contemporánea irrupción do turismo fuxindo dos estereotipos e o folclorismo, e rexistra con dignidade e humor a vida cotiá, o traballo e a festa. «Català-Roca mudounos o tempo», explica o comisario. «Introduciu a imaxe fotográfica de Galicia no dinámico mundo moderno. O escenario está, agora, cheo de figuras que se moven, que rúan as rúas, mandando ao faiado o imaxinario reaccionario, cursi e tristón que ata entón viña facéndose», conclúe.

No tempo cotián e profano do traballo, da festa e do nacente turismo, atopou Català-Roca a ocasión de ver Galicia. Nas súas fotografías mostra unha luminosa fidelidade documental que toma as rúas como escenario monumental dunha cidadanía que mestura turistas, cregos, leiteiras, gardas e paisanos, sempre cun ollar luminoso e alegre para captar as transformacións e contrastes da época nas imaxes revestidas polo fotógrafo dunha luz de respecto. Na exposición hai fotografías de Compostela, A Coruña, Lugo, Ourense, Noia, Ribadavia, Vigo, Betanzos, Bueu, Sanxenxo, O Cebreiro, etc.

Nunha das viaxes que realizou a Galicia, Català-Roca foi testemuña da campaña de promoción turística arredor do Ano Santo Compostelano de 1965, momento no que o turismo destapouse como un potente motor de mercado e de transformación social. O fotógrafo rexistra unha terra que está a vivir o desembarco do turismo e os efectos das campañas que, como parte da estratexia do desarrollismo, en 1965 impulsa o camiño de Santiago e promociona o Ano Santo Compostelano. Un ano no que Català-Roca retrata tamén O Burgo das Nacións, un conxunto de albergues provisorios para acoller aos turistas e peregrinos que se achegaron á cidade con motivo da celebración. Chegaron nese ano 387 peregrinacións organizadas que se aloxaron en O Burgo. Proxectado polos arquitectos Julio Cano Lasso, Rafael de la Hoz e Javier González-Garra Santoro, O Burgo foi un proxecto pioneiro da construción prefabricada, reconvertido logo en residencia universitaria, que ocupou os terreos nos que agora se ubica o Auditorio de Galicia. Nos meses que funcionou como albergue de peregrinos hospedou a 150.000 persoas. Català-Roca retratouno con sobriedade, pero contextualizado no seu tempo: algún coche estacionado, turistas vestidos á moda da época, grandes maletas de coiro con asas. Esta ollada depurada dos espazos fora entrenándoa ao longo da súa traxectoria, na que mantivo unha estreita relación coa arquitectura. Ademais de traballar a fotografía publicitaria, as reportaxes turísticas, e de capturar o lado máis humano de artistas como Chillida, Dalí e Joan Miró –sobre todo Miró, a quen lle uniu unha fonda amizade–, Català-Roca retratara a vangarda arquitectónica vencellada ao Grup R, que loitaba por recuperar, dende Cataluña, a linguaxe moderna na arquitectura da posguerra. Foi, de feito, o cronista visual do grupo entre 1951 e 1961, a década na que o grupo mantivo a actividade.

Na exposición, as fotografías móstranse sen enmarcar, abrazadas ao bastidor e e sen elementos alleos á propia imaxe, respectando o modo que tiña Català-Roca de presentar a súa obra, sen artificios e afastadas de calquera pretensión artística. Ademais das fotografías en branco e negro, preséntase unha pequena escolma de fotografías a cor, elemento xa presente nas diapositivas das últimas viaxes a Galicia. Estas fotografías foron tomadas no ano 1976, nunha viaxe por encargo da editorial Blume para a publicación “Artesanía popular española” (Ed. Blume, Barcelona, 1977), que tamén se mostra na exposición, nunha sección bibliográfica que presenta unha escolma dos fotolibros de Català-Roca e repasa as colaboracións do fotógrafo e dalgúns dos seus coetáneos en publicacións turísticas españolas.

«Dinme conta de que estaba sendo testemuña de cousas que desaparecían rapidamente, presentíao», afirmou Català-Roca. Adoitaba dicir que fotografaba todo aquelo que chamara a súa atención e que estivera a punto de desaparecer. Aínda traballando ao servizo da Dirección General de Turismo, empeñada, despois da terrible posguerra, en transmitir unha imaxe aberta da España baixo a ditadura, Català-Roca fixaba a súa cámara nos aspectos contraditorios do momento, un imaxinario extenso e cheo de contrastes. Rexistra a vida cotiá nas cidades e aldeas, o traballo no mar e na veiga, a festa e as verbenas. Tamén o lecer na Toxa, os cafés na Coruña ou, en Compostela, as Marías paseando ou as festas do Apóstolo. O tempo da Galicia dos anos cincuenta, sesenta e setenta, moderna e vital, que anuncia os vertixinosos cambios que virán.

 

Folla de sala

 

cando e onde
Mércores 9 maio / Domingo 7 outubro 2018
  Auditorio de GaliciaAvda. do Burgo das Nacións 981 574 152/ 981 552 290

horario
De 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 19.00 h _______ Agosto de 10.00 a 14.00 h (tardes pechado)

de interese
Préstamo de libros: Museo do Pobo Galego e prestadores privados

Agradecementos: CGAC



© imaxe Fondo Fotográfico F. Català-Roca -Arxiu Històric del Col.legi d'Arquitectes de Catalunya
Web - http://auditorio.com...
http://www.santiagoturismo.com/files/2018/07/COMXULAGOwebesp.pdf
http://www.santiagoturismo.com/files/2018/07/COMXULAGOwebesp.pdf http://ofv.auditoriodegalicia.org
http://www.auditoriodegalicia.org/ www.compostelacapitalcultural.org http://www.contratosdegalicia.gal/consultaOrganismo.jsp?lang=gl&ID=800&N=331&OR=331&SORT=2&ORDER=2
www.compostelacapitalcultural.org http://e-auditoriodegalicia.net/ www.compostelacapitalcultural.org www.compostelacapitalcultural.org
www.compostelacapitalcultural.org/index.html www.compostelacapitalcultural.org/index.html http://www.compostecapitalcultural.org http://www.compostelacapitalcultural.org www.compostelacapitalcultural.org www.compostelacapitalcultural.org