Seis edicións de grande éxito, cun entusiasta recoñecemento da prensa especializada e o respaldo do público, preceden esta sétima edición do Festival Via Stellae, cuxo centro de actividades é Santiago de Compostela. Recoñecido estes anos como unha referencia a nivel nacional e mesmo europeo, unha das cualidades máis sobranceiras do Via Stellae é a categoría dos intérpretes que enchen o seu atraínte cartel de vinte concertos. A riqueza e variedade da programación do festival ten na música antiga e barroca un dos seus argumentos máis sólidos, pero o Via Stellae non esquece outras épocas e xéneros musicais, prestando unha atención moi especial á música contemporánea e a creación actual, especialmente aos autores da nosa terra. Moitos dos programas que ofrece o Via Stellae, con frecuencia celebrados en espazos inusuais, son concertos únicos en España ou preparados en exclusiva para este festival, que continúa e afonda nunha liña de programación na que se misturan os máis diversos xéneros musicais, artistas de moi distinto perfil e variada procedencia e diferentes disciplinas artísticas.
Podes descargar aquí o folleto coa programación deste ano; aquí o cartaz; e aquí a programación completa cos curriculums dos artistas e os programas que se interpretarán nos distintos concertos. Na nosa Sala de Prensa podes descargar imaxes de todos os artistas.
Ademais, podes acceder directamente aquí á web do Festival.