A Orquestra Nova da Sinfónica de Galicia abriu en xaneiro de 2012 un ciclo que serve de escaparate público para amosar o importantísimo labor didáctico desenvolvido polas agrupacións orquestrais galegas de novos intérpretes, principalmente vencelladas á organización das súas irmáns maiores, a Sinfónica de Galicia e a Real Filharmonía de Galicia. Este ciclo ofrece a dobre oportunidade para o público de asistir a concertos de gran calidade e coñecer de primeira man o futuro profesional da música clásica en Galicia.
Alumnos e alumnas do Curso Avanzado de Especialización Orquestral da Escola de Altos Estudos Musicais ofrecen o seu festival de fin de curso. Fano acompañados por algúns dos membros da Real Filharmonía de Galicia e dirixidos por Maximino Zumalave. Interpretarán obras de Bach, Vivaldi e Mozart.
Os alumnos e alumnas do Curso Avanzado de Especialización Orquestral da Escola de Altos Estudos Musicais que forman o Grupo de Cámara da Escola ofrecen este concerto como traballo de fin de curso. Nel interpretarán 'A historia do soldado' de Stravinski dirixidos por Maximino Zumalave.