Sons naceu como un ciclo de difusión das chamadas músicas de raíz e hoxe é un programa consolidado con propostas do máis variado, que fan un percorrido polos diferentes estilos musicais. Durante estes anos Sons achegou ás primaveras e aos outonos composteláns a música de máis de sesenta artistas de todo o mundo: Michael Nyman, Rufus Wainwright, Bebo Valdés, Riuychi Sakamoto, Rodrigo Leao, Goran Bregovic, Jane Birkin, Laurie Anderson, Idan Rachel ou Tortoise, foron só algúns deles. Ademais, é un importante escaparate para a escena musical galega e acolleu a volta aos escenarios de Fuxan os ventos e actuacións de Milladoiro, Mercedes Peón, Berrogüetto, Marful e Leilía entre outros.
Despois do éxito colleitado co seu primeiro traballo, "Admirando a Condición" (2011), SÉS, acompañada pola súa banda, presenta ao vivo o seu novo disco 'Co xenio destrozado' neste concerto enmarcado dentro da programación do Concello de Santiago de Compostela SONS’13, e dentro do Ciclo "Cantigas de Mulleres" inspirado no CD editado homónimo por Fol Música.